Vía da Prata

A Vía da Prata une o espírito sureño das terras andaluzas e estremeñas coa Fisterra galaica.

Por Laza:

  • Lonxitude 212,3 Km
  • Dificultade Media

Por Verín:

  • Lonxitude 254,3 Km
  • Dificultade Media

Por Feces:

  • Lonxitude 187,2 Km
  • Dificultade Media
Vía da Prata

Prolonga a calzada romana denominada Vía da Prata que unía Emerita Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga). A vía trazouse a comezos do cristianismo aproveitando camiños máis antigos. Entra en Galicia pola Mezquita e é o camiño xacobeo galego de maior percorrido. O termo “Vía da Prata” non ten que ver coa explotación ou co comercio deste metal precioso, senón que procede do árabe Bal’latta, que é a palabra coa que os musulmáns designaron aquela ampla vía pública empedrada e de sólido trazado pola que se encamiñaban ao norte cristián. Con todo, esta vía si se chegou a empregar para o comercio de prata americana chegada aos peiraos de Sevilla.

Por esta ruta avanzou Almanzor coa súa infantería contra Santiago en agosto de 997. E por ela, ao parecer, regresaron séculos máis tarde, de Córdoba a Compostela, as campás da Catedral que el levou naquela ocasión, devoltas tras a conquista de Córdoba en 1236. Tamén desde Portugal varios camiños penetraron historicamente na provincia de Ourense uníndose logo aos que aquí describimos.

Trazado da ruta e recursos de interese

A Vía da Prata percorre por Galicia un patrimonio natural e etnográfico de excepción —a provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla— que lle ofrece ao camiñante unha chea de atractivos.

Na segunda metade do século XIII, despois da toma de Sevilla e de Córdoba aos árabes, este itinerario comeza a ser utilizado polos peregrinos de Andalucía e Estremadura. Uns seguían ata Astorga, e enlazaban aquí co Camiño Francés. Outros tomaban a desviación de Puebla de Sanabria-A Gudiña e desde aquí, ben por Laza ou ben a través de Verín, ata Ourense e Santiago. E unha terceira posibilidade levaba os peregrinos polo nordés de Portugal cara a Verín.

Entre os peregrinos máis famosos que seguiron a Vía da Prata destacan don Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, que foi a Santiago en cumprimento dunha promesa, e santo Toribio de Mongrovejo, licenciado en Canons pola Universidade de Santiago en 1568, futuro arcebispo de Lima e canonizado en 1726.

Vía da Prata percorre por Galicia un patrimonio natural e etnográfico de excepción —a provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla— que lle ofrece ao camiñante unha chea de atractivos.

Finalmente, desde Portugal, foron varios os camiños do interior cara a Santiago que penetraban na provincia de Ourense, como o que desde Chaves chega a Verín a través de Feces de Abaixo.