Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla

A Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla é un singular itinerario marítimo e fluvial que conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do apóstolo Santiago tras o seu martirio en Xerusalén, ao redor do ano 44

Ruta do mar de Arousa e río Ulla:

  • Dificultade Baixa
Barcas na praia

Os portos de Ribeira e do Grove marcan a entrada á ría de Arousa, por cuxas augas navegou a barca do apóstolo as súas últimas millas. A Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla é un singular itinerario marítimo e fluvial que conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do apóstolo Santiago tras o seu martirio en Xerusalén, ao redor do ano 44. Antigas tradicións cristiás e varios textos medievais —o máis importante deles, o Libro III do Códice Calixtino— aseguran que Santiago foi trasladado desde o porto de Jaffa, en Palestina, a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica, ata os confíns de Occidente, onde predicara o evanxeo. É a coñecida como Translatio.

O corpo de Santiago, acompañado polos seus discípulos Teodoro e Atanasio, penetrou pola ría de Arousa e remontou o río Ulla ata arribar a Padrón, o porto fluvial da cidade romana de Iria Flavia. Chegou sobre unha barca de pedra, en probable referencia a unha das naves que, por aquela época, transportaban minerais desde Galicia a outros lugares do Imperio romano.

Trazado da ruta e recursos de interese

Un territorio de grandes paisaxes e praias, de rica historia e etnografía. Con suaves ladeiras onde o cultivo da vide creou caldos internacionais coma o albariño. Unha ría, en fin, poboada por xenuínas illas —Ons, Sálvora, A Toxa, Arousa e Cortegada— que emerxen entre as vistosas bateas onde crece o mexillón, a ostra ou a vieira.

A Ruta marítimo-fluvial do Mar de Arousa e Río Ulla conmemora cada ano este feito. E faino seguindo os últimos tramos daquela última viaxe apostólica. Os portos de Ribeira e do Grove marcan a entrada á ría de Arousa. Por diante, corenta millas náuticas ata a antiga Iria Flavia e logo uns 25 quilómetros a pé ata Santiago de Compostela.

Cada verán organízase unha vistosa procesión marítimo-fluvial con varias embarcacións engalanadas e con gran participación de público procedente de distintos portos da ría de Arousa e con destino a Pontecesures e a Padrón. O primeiro remonte celebrouse en 1965, grazas ao impulso e á dedicación de José Luis Sánchez-Agustino (1930-2010) e á creación da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Esta fundación outórgalles, xunto aos concellos colaboradores, o diploma acreditativo Translatio Xacobea a todas as embarcacións que completan este itinerario.

Nas ribeiras e illotes da ría iniciábase tamén, por aqueles días de 1965, a colocación de varios cruceiros en lugares estratéxicos. Hoxe, 17 obras de arte en pedra balizan a ruta e constitúen o único via crucis marítimo do mundo.

En total, 22 municipios pertencentes ás provincias de Pontevedra e da Coruña integran o padroado da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Todos eles viven baixo o imán protector dese océano en miniatura que chamamos ría de Arousa.

Un territorio de grandes paisaxes e praias, de rica historia e etnografía, que foi berce ou residencia de Valle-Inclán, Camilo José Cela, Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Manuel Antonio ou os irmáns Camba. Con suaves ladeiras onde o cultivo da vide creou caldos internacionais coma o albariño. Unha ría, en fin, poboada por xenuínas illas —Ons, Sálvora, A Toxa, Arousa ou Cortegada— que emerxen entre as vistosas bateas onde crece o mexillón, a ostra ou a vieira.

Describimos a continuación os 22 municipios que integran a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa. En primeiro lugar, os pertencentes ao sur da ría de Arousa (Sanxenxo, Meaño, O Grove, Cambados, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Catoira, Valga, Pontecesures); logo os do norte da ría (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro) e, finalmente, o tramo, xa a pé, de Padrón a Santiago de Compostela, que coincide coa última etapa do Camiño Portugués e que aquí tamén comentamos, á parte, concello a concello (Padrón, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela).