Camiño Primitivo

O Camiño Primitivo foi un itinerario moi frecuentado polo pobo ástur-galaico durante o século IX e boa parte do X, e atraeu tamén peregrinos procedentes doutras partes do norte de España e de Europa. En 2015, foi recoñecido pola Unesco, xunto co Camiño do Norte, como Patrimonio da Humanidade.

por San Xoán do Padrón:

  • Lonxitude 161,8 Km
  • Dificultade Baixa

por A Proba de Burón:

  • Lonxitude 162,9 Km
  • Dificultade Baixa
Alto do Acevo

O Camiño Primitivo é a primeira ruta de peregrinación, a máis antiga. Enlaza Oviedo con Santiago de Compostela e discorre en boa parte por trazados de calzadas romanas. O primeiro rei peregrino foi precisamente o monarca ástur-galaico Afonso II o Casto quen, no primeiro terzo do século IX, quixo viaxar a Santiago para confirmar que os restos que acababan de aparecer en Compostela eran realmente os do apóstolo.

A devoción do rei pola causa xacobea —criouse no mosteiro lucense de Samos e era seguidor do Beato de Liébana— foi decisiva para cimentar o novo culto. Afonso II mandaría construír, na nacente urbe, a primeira igrexa. Ademais, concedeu diversas doazóns e promoveu o establecemento da primeira comunidade monástica destinada a atender as demandas do culto no altar de Santiago, o mosteiro de Antealtares.

Trazado da ruta e recursos de interese

A ruta primitiva continuou sendo unha alternativa para os peregrinos devotos da gran colección de reliquias da catedral de San Salvador de Oviedo e de Lugo, que conta co privilexio papal de expoñer día e noite o Santísimo Sacramento.

O Camiño Primitivo foi un itinerario moi frecuentado polo pobo ástur-galaico durante o século IX e boa parte do X, e atraeu tamén peregrinos procedentes doutras partes do norte de España e de Europa. E por el camiñou, en dúas ocasións, o sucesor de Afonso II, Afonso III o Magno, artífice da consagración en Santiago da segunda basílica no ano 899.

Logo, ao converterse León na nova capital do reino, os monarcas potenciaron (séculos XI-XII) o Camiño Francés como ruta privilexiada. Aínda así, a ruta primitiva continuou sendo unha alternativa para os peregrinos devotos da gran colección de reliquias da catedral de San Salvador de Oviedo e de Lugo, que conta co privilexio papal de expoñer día e noite o Santísimo Sacramento. Ademais, da súa importancia dan hoxe fe os vestixios de moitos hospitais de atención ao peregrino, algúns en altas zonas de montaña e outros na propia cidade de Lugo.

En 2015, foi recoñecido pola Unesco, xunto co Camiño do Norte, como Patrimonio da Humanidade, a máxima distinción que pode recibir un ben cultural.

+ Información