Camiño Portugués

Etapa: Vigo-Redondela

  • Lonxitude 15,7 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 3h 10min

Atravesamos Vigo, ben polo paseo fluvial do río Lagares, ou ben polo barrio de Coia. Saímos da cidade polo barrio de Teis ata Redondela, unha variante pola costa que conflúe co Camiño interior.

Vigo- Teis

  • Lonxitude 5,6 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 10min

paseo fluvial do río Lagares condúcenos ás Travesas —polas avenidas da Florida ou de Fragoso—. Como xa explicamos na etapa anterior, tamén é posible alcanzar As Travesas polo barrio de Coia. Desde aquí dirixímonos á rúa de Tomás A. Alonso, enlazamos con Pi i Margall e co paseo de Afonso XII (xunto á oliveira, que é o símbolo da cidade).

Neste lugar, nas inmediacións do antigo castelo de San Sebastián, aínda resiste un tramo xenuíno da antiga entrada ao desaparecido recinto amurallado de Vigo, a que se facía a través da porta de Falperra, veciña da rúa de Santiago.

Desde o paseo de Afonso XII baixamos cara a San Francisco e cara ao barrio do Berbés. Moi preto está A Pedra, zona coñecida polos seus restaurantes e pola degustación de ostras da ría.

Na rúa Rosalía de Castro podemos viaxar ata o Vigo romano. O xacemento arqueolóxico Salinae expón os restos dunhas salinas mariñas únicas. Este museo subterráneo completa a oferta arqueolóxica romana de Vigo, xunto coa Vila Romana de Toralla, o Museo do Mar de Galicia ou o Castro. Sairemos de Vigo polo barrio de Teis.

Teis- Redondela

  • Lonxitude 10,1 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 2h 00min

A continuación o Camiño pasa polos lugares de Paradela, Parada e Trasmañó. Finalmente acada Rande e Portela ata chegar a Redondela, onde conflúe co Camiño Portugués do interior.

En Redondela chamarannos a atención os viadutos do ferrocarril, construídos na década de 1870 a 1880. E tamén repararemos na igrexa de Santiago, consagrada polo arcebispo Xelmírez en 1114. Cada mes de maio a vila celebra a súa Festa do Choco (sepia).