Camiño Portugués

Etapa: Tui- O Porriño

  • Lonxitude 18,1 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 3h 40min

Accédese a Galicia a través da ponte internacional, que une as localidades de Valença (Portugal) e Tui (España), cruzando o caudaloso río Miño.

Tui- Ponte das Febres

  • Lonxitude 7,8 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 1h 35min

Entramos no centro histórico de Tui a través da avenida de Portugal e axiña chegamos ao Parador de Turismo. Un marco infórmanos de que quedan 115,4 km para chegar a Santiago. O encanto de Tui —unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia, declarada conxunto histórico artístico en 1967— respírase en cada unha das rúas, canellas e pasadizos do seu nobre centro histórico, un debuxo urbano medieval presidido polo románico e o gótico da súa catedral de Santa María. Ímonos achegando ao templo polas rúas Bispo Maceira e Baixada ao Arrabalde de Freanxo. O itinerario continúa pola Travesía do Hospital, Praza do Concello, convento das Clarisas e rúas Tide e Antero Rubín. Antes de abandonar a cidade, o Camiño pasa polas rúas Cóengo Valiño e Calzada, en dirección ao parque de San Bartolomeu, onde está a fermosa igrexa prerrománica do mesmo nome.

Ponte das Febres- As Gándaras de Budiño

  • Lonxitude 4,4 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 55min

A ruta avanza pola capela da Virxe do Camiño, por Paredes de Abaixo e pola emblemática ponte de San Telmo, chamada Ponte das Febres. Unha vez pasada esta, transitamos por un frondoso bosque coñecido como A Ribeira. Chegamos á aldea da Magdalena. Acompáñanos o río Louro, que divide os municipios de Tui e O Porriño. O seguinte núcleo é Orbenlle. De lonxe, enxérganse as canteiras de granito que fixeron famoso este lugar, o coñecido como granito rosa, que se exporta a países coma o Xapón ou os Estados Unidos.

Ponte das Febres - Gándaras de Budiño