Camiño Portugués

Etapa: O Porriño-Redondela

  • Lonxitude 15 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 3h 05min

Encamiñámonos ao municipio de Redondela. Bosques de piñeiros e eucaliptos protagonizan estes quilómetros ata alcanzar a ría de Vigo.

O Porriño- Mos

  • Lonxitude 5,4 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 05min

Abandonamos O Porriño e axiña alcanzamos a capela das Angustias. Camiñamos pola beiravía da N 550, polo que debemos prestarlles especial atención aos vehículos. Intuímos, oculto, o paso do río Louro. Deixamos atrás o barrio de Amieiro Longo e chegamos ao núcleo da Rúa, que outrora foi capital municipal de Mos.

 

Mos- O Souto

  • Lonxitude 6,9 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 25min

Unha cruz de pedra coa inscrición “Camiño de Santiago” marca o inicio da rúa dos Cabaleiros, que nos leva ao coñecido cruceiro do mesmo nome. Polo lugar do Enxertado, co val ao leste, chegamos en lixeiro ascenso á capela de Santiaguiño de Anta, un sinxelo monumento rodeado dunha bonita carballeira.

Un miliario romano —fito indicador en millas romanas (1 milla= 1.480 metros), que formaba parte da Vía XIX que unía, como dixemos, Braga e Astorga— encamíñanos ao municipio de Redondela. Deseguido entramos en Vilar de Infesta. Bosques de piñeiros e eucaliptos protagonizan estes quilómetros. Chegamos ao lendario lugar de Chan das Pipas.