Camiño Portugués

Etapa: A Guarda-Oia

  • Lonxitude 16,7 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 3h 20min

Encamiñámonos a Oia ao longo da liña costeira, co océano sempre aberto á nosa esquerda. O tramo é chairo e con apenas sombras. A brisa mariña suavizará os rigores do sol no verán.

A Guarda- Portecelo

  • Lonxitude 10,5 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 2h 05min

A entrada a Galicia pola costa empeza na Pasaxe (A Guarda). Despedimos Portugal en Caminha. A Guarda creceu na aba do impoñente castro de Santa Trega, principal valor turístico e histórico desta localidade. É o máis emblemático e visitado dos poboados galaico-romanos galegos e foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional no ano 1931. Ademais, en varias das pedras do monte hai petróglifos elaborados ata 2.000 anos antes da ocupación do castro, que foi continua entre os séculos I a.C. e I d.C.

Desde o alto, sorprenderanos unha magnífica panorámica da desembocadura do Miño. O estuario que forman os últimos metros do maior dos ríos galegos é especialmente atractivo na baixamar e cando se pon o sol, con xuncos, corvos mariños e anátidos sobre a marisma.

Portecelo- Oia

  • Lonxitude 6,2 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 15min

Encamiñámonos a Oia ao longo da liña costeira, co océano sempre aberto á nosa esquerda. O tramo é chairo e con apenas sombras. A brisa mariña suavizará os rigores do sol no verán. Chegamos ao histórico mosteiro de Santa María de Oia, situado en pleno litoral e en fase de rehabilitación. Del parte outra das denominacións para esta ruta: o Camiño Monacal. O alzado do mosteiro, realizado a finais do século XII, é un dos mellores exemplos da austeridade, funcionalidade e rigor construtivo da Orde do Císter, e a igrexa conserva retablos barrocos con imaxes de grande expresividade.

A súa estratéxica localización axudou, en máis dunha ocasión, á defensa da costa, como aconteceu a mediados do século XVIII, cando os monxes lograron desbaratar un ataque da frota turca.