Camiño Portugués da Costa

Etapa: Baiona-Vigo

  • Lonxitude 27,1 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 5h 30min

O Camiño regálanos fermosas mostras de arquitectura popular, históricos pazos e cruceiros coma os de Mallón e O Pereiro. E tamén a entrada á maior cidade de Galicia, Vigo, urbe dinámica e industrial.

Baiona- A Ramallosa

  • Lonxitude 4,8 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 00min

Ímonos despedindo de Baiona. De camiño á parroquia de Sabarís, pasamos ante a histórica e bela fonte do Pombal, seguimos pola rúa de Cristo Rei e alcanzamos Sabarís. Fronte ao mercado de abastos, cruzamos a ponte románica sobre o río Groba; máis adiante, a casa señorial de Cadaval, ata a bela ponte, tamén románica, da Ramallosa. Ten dez arcos e posiblemente se construíu sobre unha ponte romana. Aquí comeza a foz do río Miñor, unha marisma de gran riqueza ecolóxica.

A Ramallosa- Nigrán

  • Lonxitude 4,2 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 50min

Entramos no municipio de Nigrán. O Camiño regálanos fermosas mostras de arquitectura popular, históricos pazos e cruceiros coma os de Mallón e O Pereiro. En Panxón atopamos o Templo Votivo do Mar, obra de Antonio Palacios, e un arco visigótico do século VII. Toda esta etapa ofrécenos belas praias, de area fina e branca, e un clima benigno case todo o ano.

Seguimos polos coñecidos como Camiño do Souto e Camiño da Rosiña, ata alcanzar o núcleo de Nigrán. Os pazos de UrzáizCea preceden a subida ao monte de Sanromán, que culminamos para chegar a Priegue, aínda no municipio de Nigrán.

A estrada comarcal 550 será unha presenza constante en toda a nosa ruta. Por ela entramos no municipio de Vigo, a maior cidade de Galicia —con preto de 300.000 habitantes e medio millón toda a área metropolitana—, gran porto pesqueiro e de colectores, urbe dinámica e industrial e rodeada de belas praias e de fermosas paisaxes.