Camiño de Inverno

Etapa: Bendoiro-Outeiro

  • Lonxitude 33,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 7h 05min

O río Deza acompáñanos na nosa ruta. O Pazo de Oca sorprenderanos polos seus espectaculares xardíns e a fervenza do río Toxa polos seus máis de 30 metros de caída.

Bendoiro- Silleda

  • Lonxitude 9,2 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 20min

Percorremos os primeiros metros pola estrada N-525. Entramos en Vilasoa e alcanzamos Prado —desde aquí podemos visitar, a través dun desvío, o santuario mariano do Corpiño—. De volta ao camiño, pasamos polo lugar da Borralla e cruzamos máis adiante a xenuína ponte medieval de Taboada sobre o río Deza, afluente do Ulla. Ascendemos ata a parroquia de Taboada e seguidamente á poboación de Trasfontao, ata alcanzar a capital municipal, Silleda.

Silleda- A Bandeira

  • Lonxitude 7,5 Km
  • Dificultade Media-Baixa
  • Duración estimada 1h 20min

Silleda é unha destacada localidade do interior da provincia de Pontevedra, coñecida por acoller, no seu enorme pavillón feiral, a Semana Verde de Galicia e a feira internacional do turismo Turisport.

De Silleda, o noso itinerario sae por un camiño de terra á esquerda da N-525. O Foxo e Chapa serán os dous núcleos próximos. Seguimos ata A Bandeira, A Codeseira, Piñeiro e Castrovite (municipio da Estrada).