Camiño Inglés

A peregrinación xacobea atraeu na Idade Media xentes e sociedades de toda Europa; e tamén da “afastada Europa”...

Desde Ferrol:

  • Lonxitude 118,7 Km
  • Dificultade Media

Desde A Coruña:

  • Lonxitude 74,7 Km
  • Dificultade Media
Barcas no Camiño Inglés

Dos chamados países escandinavos, coma Noruega, Suecia, Dinamarca, Finlandia ou Islandia e, sobre todo, ingleses, escoceses, irlandeses e flamengos. Todos eles contribuíron a fixar o que hoxe coñecemos como o Camiño Inglés. Chegaban a Galicia por mar desde os seus respectivos portos e arribaban a Ferrol ou á Coruña; e tamén a Viveiro ou a Ribadeo, no litoral lucense. A estratéxica localización dos portos desas dúas importantes cidades galegas potenciou de maneira evidente a ruta.

O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas, aínda que convén sinalar que o itinerario desde A Coruña é máis curto (74 km) ca o que parte de Ferrol (118 km). Ambos, cheos de atractivos e historia, conflúen a metade de camiño, na localidade de Bruma, onde continúan xuntos os últimos 40 km ata Compostela.

Trazado da ruta e recursos de interese

O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas. Un dos itinerarios, o máis curto, parte da Coruña (74 km) e o outro arranca desde Ferrol (118 km). Ambos, cheos de atractivos e de historia, conflúen a metade de camiño, na localidade de Bruma, onde continúan xuntos os últimos 48 km ata Compostela.

A historia destas peregrinacións parte do século XII. En 1147, visitou a tumba de Santiago unha escuadra cruzada de ingleses, alemáns e flamengos. Ían con destino a Terra Santa e parte daquela expedición acudiu tamén á conquista de Lisboa, onde axudaron ao primeiro rei de Portugal a tomar a cidade que sería capital do reino.

Son varias e relevantes as pegadas de peregrinacións históricas polo Camiño Inglés. Do monxe islandés Nicolás Bergsson chegounos a descrición escrita da súa viaxe a pé desde Islandia ata Roma, pasando por Santiago. Semellante proeza levaríalle ata cinco anos, desde 1154 ata 1159. Dous séculos máis tarde, durante a coñecida como Guerra dos Cen Anos entre Francia e Inglaterra, os británicos empregarían o barco para iren a Santiago. Pezas de cerámica e numismática inglesas dos séculos XIV e XV achadas nas escavacións da catedral dan proba da presenza deses peregrinos. As ofrendas ao apóstolo tamén deixaron testemuño desta ruta.

A ruptura do rei Henrique VIII (1509-1547) coa Igrexa Católica, polo seu divorcio con Catarina de Aragón —orixe da Igrexa de Inglaterra e do anglicanismo—, causou o final da peregrinación inglesa e condenou ao ostracismo esta ruta durante séculos. Ata hoxe, época de revitalización e de novas formas de peregrinación. Os múltiples atractivos de Ferrol ou da Coruña son o pórtico á ruta; e Pontedeume ou Betanzos supoñen dous enclaves imprescindibles para entendermos a historia “inglesa” do Camiño de Santiago.