Camiño Francés

Etapa: Sarria - Portomarín

  • Lonxitude 22,2 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 4h 40min

O Camiño Francés abandona Sarria a través da ponte da Áspera, camiño de Barbadelo.

A través de carballeiras e prados, entra no municipio de Paradela e descende logo cara ás ribeiras do Miño, para cruzar a ponte que conduce á vila de Portomarín.

Sarria- Barbadelo

  • Lonxitude 4,4 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 1h 05min

Sáese Sarria pasando pola igrexa parroquial de Santa Mariña, a do Salvador, a torre da antiga muralla e o convento da Madanela. Tras abandonar o casco urbano, unha baixada moi pronunciada conduce ata a ponte da Áspera.

Ao cruzar a ponte séguese o traxecto da vía do tren ao longo de 1 km aproximadamente. Logo crúzase para subir a costa máis dura da etapa e chegar despois por un camiño chan ata Barbadelo, onde se pode visitar a súa igrexa de Santiago.

Barbadelo- Ferreiros

  • Lonxitude 9,1 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 50min

O camiño segue cara a Rente por un terreo en moi bo estado, pasando Mercado da Serra, Leimán e Peruscallo, onde empeza unha zona de regueiros, con beiravías e vereas de pedra para protexelos.

Unha vez pasados Lavandeira, Casais, A Brea e Morgade, chégase tras unha dura subida a Ferreiros, a primeira vila da Ribeira Sacra lucense.