Camiño do Sueste-Vía da Prata

Etapa: Xinzo de Limia - Allariz (por Verín)

  • Lonxitude 20,7 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 5h 10min

A ruta segue ata a localidade de Piñeira de Arcos, antes de cruzar o val que comunica con Allariz, unha das poboacións máis fermosas e mellor conservadas de Galicia.

Xinzo de Limia- Sandiás

  • Lonxitude 8,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 10min

Continuamos ata Vilariño das Poldras, Couso de Limia e Sandiás. Á dereita do noso percorrido, vemos a extensa zona de concentración parcelaria no que foi a lagoa de Antela. Terra de pazos, de torres de antigos castelos que asoman no horizonte —seguimos nunha gran chaira, a única de certa amplitude de toda Galicia, xunto coa Terra Chá lucense— e de antigas calzadas; por Sandiás puido cruzar a Via Nova romana ou Via XVIII, que comunicaba Chaves (Portugal) con Lugo, a través de Ourense.

Sandiás é capital de municipio. Quizais aquí se situou a antiga mansión romana Geminis da Via Nova. As planicies que a rodean foron escenario de importantes loitas de nobres e irmandiños e tamén foi territorio en disputa con Portugal, que o invadiu en varias ocasións.

Xinzo de Limia - Sandiás

Sandiás- Allariz

  • Lonxitude 12,1 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 3h 00min

A ruta segue ata a localidade de Piñeira de Arcos, antes de cruzar o val que comunica con Allariz. Neste municipio, o peregrino pasa por Coedo, Outeiro de Torneiros, Paradiñas e Torneiros, antes de chegar á aldea de San Salvador de Penedos, situada nunha contorna de gran beleza natural.

Segue despois ata a vila de Allariz, unha das poboacións máis belas e mellor conservadas de Galicia.