Camiño do Sueste-Vía da Prata

Etapa: Cea - Dozón

  • Lonxitude 15,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 3h 55min

Desde Cea temos dúas posibilidades: escoller o itinerario máis curto, ata Dozón, por Piñor, ou ben tomar a variante ata o magnífico mosteiro de Oseira, cenobio cisterciense do século XII con gran tradición de acollida a peregrinos, cuxa vida en comunidade se iniciou en 1137.

O Camiño arrinca ao pé do santuario da Saleta (construído en 1908) e continúa pola estrada de Oseira. Se nos decidimos pola primeira opción, por Piñor, tomaremos o camiño cara á esquerda, unha vez que atopemos o lugar onde se bifurcan as dúas variantes desta etapa. Pasaremos por Arenteiro, O Reino e Carballeda, localidades tipicamente ourensás con abundantes casas e casaríos de pedra. Desde Carballeda conectaremos en varias ocasións coa N-525. A ruta regálanos acolledoras paisaxes boscosas e bonitas corredoiras entre carballos, intercaladas por vales e vexetación espontánea de toxos e silvas. Así ata o núcleo do Castro de Dozón, pequena vila e capital de municipio.

Cea- Dozón

  • Lonxitude 15,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 3h 55min

Se nos decidimos pola segunda opción, colleremos o camiño cara á dereita. O tramo Cea-Oseira pasa por Cotelas, San Mamede da Canda, Freás e Pielas. É un fermoso percorrido con grandes tramos de monte —ás veces, con certa dificultade— que nos permiten gozar da natureza en plena soidade, ata alcanzar o gran mosteiro románico de Oseira.

O regreso a Dozón pasa a través de Mirallos, Carballediña e Coiras de Abaixo. Xa na provincia de Pontevedra, atoparémonos na Gouxa, no municipio de Dozón. O camiño continúa, como a outra variante, ata o núcleo do Castro de Dozón.