Camiño do Norte

Etapa: Vilalba-Baamonde

  • Lonxitude 19,9 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 4h 55min

Paisaxes poboadas de xenuínas mostras de arquitectura tradicional acompañarannos na nosa ruta polos núcleos da Seara, Sabugueiros, Gabín, O Castro ou Regovide.

Vilalba- Ponte de Sa

  • Lonxitude 10,3 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 35min

Desde Vilalba, o Camiño continúa seguindo trazados posiblemente medievais e sendas reais, documentados xa no século XVII. Atravesamos unha pequena ponte sobre o río Labrada e alcanzamos o lugar de Penas Corveiras. Paisaxes poboadas de xenuínas mostras de arquitectura tradicional acompañarannos na nosa ruta polos núcleos da Seara, Sabugueiros, Gabín, O Castro ou Regovide.

A un 6,7 km do inicio estaremos en San Xoán de Alba. Camiñamos pola marxe dereita da estrada comarcal C-634. Pasamos por Ponte Pedrouzos, Costián, O Coutado e Goiriz, desde onde descendemos en dirección ao río Labrada. Atravesamos a canle pola magnífica ponte medieval de Sa, construída en grosas lastras de lousa e de varios ollos ou arcos en diminución.

 

 

Ponte de Sa- Ferreira

  • Lonxitude 5,1 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 15min

Descendemos ata As Casas Novas e entramos na Fonte Pequena. Desde As Penas, continuaremos ata San Pedro de Pígara, unha parroquia do concello de Guitiriz, onde podemos probar a auga da Fonte das Verrugas. O río Ladra ofrece paisaxes cativadoras e recantos onde, nos meses benignos, un se pode refrescar á sombra dos bidueiros. Tras pasar por lugares como A Estrada, chegamos a Ferreira.