Camiño do Norte

Por este camiño pasaban devotos de todo o norte da Península e tamén, por terra e por mar, doutros territorios coma Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia.

Por Ribadeo :

  • Lonxitude 195,5 Km
  • Dificultade Media

Por Santiago da Ría de Abres:

  • Lonxitude 191,1 Km
  • Dificultade Media
Camiño do Norte

Tras o Camiño Primitivo, esta ruta, que transita pola costa asturiana e entra en Galicia pola ría de Ribadeo, alcanzou relevancia na baixa Idade Media. Daquela, as peregrinacións marítimas estaban no seu apoxeo e, por outro lado, en Oviedo comezou a celebrarse o Xubileu da Santa Cruz.

Os peregrinos de fins da Idade Media, ávidos por venerar reliquias e gañar indulxencias, visitaban Oviedo como complemento da súa viaxe piadosa a Compostela.

Trazado da ruta e recursos de interese

O Camiño entra en Galicia cruzando o mar Cantábrico a través da fermosa ría de Ribadeo. Algúns peregrinos optaban por bordeala, salvando o río Eo, para cruzalo logo pola ponte de Santiago de Abres. Hoxe, a Ponte dos Santos achega as dúas comunidades autónomas.

O Camiño do Norte mantivo vitalidade ata o século XVIII. E non só atraía peregrinos asturianos, senón que por el pasaban devotos de todo o norte da Península e tamén, por terra e por mar, de países coma Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia. Moitos dos peregrinos chegaban atraídos polas reliquias do santuario de San Salvador de Oviedo e, loxicamente, pola catedral compostelá.

Foi unha ruta de peregrinos ilustres. Vinculouse a san Francisco de Asís, quen, segundo a tradición, peregrinou a San Salvador de Oviedo e a Santiago no ano 1214. A fins do século XV faríao, tanto para a ida como para a volta, o bispo armenio Mártir de Azerbaján. No XVI, Jacobo Sobieski, pai do rei Xoán III de Polonia. E de finais do XVIII quedounos o testemuño escrito do francés Jean Pierre Racq.

Despois de Castropol, última localidade de Asturias, o Camiño entra en Galicia cruzando o mar Cantábrico a través da fermosa ría de Ribadeo. Algúns peregrinos optaban por bordeala, salvando o río Eo, para cruzalo logo pola ponte de Santiago de Abres. Hoxe, a Ponte dos Santos achega as dúas comunidades autónomas.

O punto de partida en Galicia é Ribadeo, na provincia de Lugo. Desde aquí ata a catedral de Santiago distan 198 km. O itinerario está sinalizado por medio dunha placa de cerámica coa representación da vieira. O camiñante agradece esta información, que completa a indicación básica da frecha amarela.

En 2015, o Camiño do Norte foi recoñecido pola UNESCO, xunto co Camiño Primitivo, como Patrimonio da Humanidade, o máximo recoñecemento que pode recibir un ben cultural. Ademais, camiñaremos por paisaxes que son reservas da biosfera, como a contorna do río Eo ou as coñecidas como Terras do Miño, entre outras.